luns, 11 de xaneiro de 2021

Alvaro das Casas na criazón de GALEUZCA 1933

 
 DIARIO DE UNHA VIAXE DE NACIONALISTAS: GALEUZCA

Con este título comeza a experiencia persoal que tivo lugar na viaxe triangular dos representantes de Galeuzca en 1933. O noso Alvaro das Casas escrebeu na revista ALENTO un minucioso relato de todo o acontecido. 

Nós sinalamos e mostramos o que outros autores agochan por motivos ideolóxicos; "historiadores" como Xose Estevez e U. Breogán Diéguez censuran e manipulan, ao noso ver, o máis destacábel e importante. O documendo orixinal axuda a comprender a situazón actual do noso país e do noso movimento nacionalista, actualmente deturpado e travestido.

 

EISPEDIZONARIO xuntamente con nazonalistas cataláns e bascos por terras de Galiza, Euzkadi e Cataluña, no que diu en chamarse viaxe triangular, tan soado pol-a emprensa dende que se fixo púbrica a siñatura no Paito de Compostela, síntome na obriga de pôr en coñocimento dos meus irmáns as incidenzas i-emozóns da viaxe talmentes eu as vivín. Veleiquí, pois, as miñas notas tal coal as fun enfiando no camiño. Apreséntoas espidas de literatura e de toda divagazón que no se refira direitamente ao propósito, eisenzalmente político, da nosa pelerinaxe.

25 Sant-Iago

Dende o concello saímos, en procisión cívica, ao moimento a Rosalía na Ferradura. Diante a banda municipal, logo ultreyas e galeguistas co-a baneira do noso país que leva Antón Beiras, despóis os gaiteiros, logo bascos e cataláns co-as bandeiras dos seus países, logo centos de patriotas e a final o concello co-as autoridás da cidade.

A carón da estatua forte e improvisado mitin nazonalista. Falan Castelao, Blanco Amor, Suárez Picallo, a Srta. Carmen e Gamarra por Euzkadi, a Srta. Picart e Pau Vila por Cataluña. Ovazóns interminabres, cramorosas, con berros do máis xúrdio arredismo. Algúns incidentes con patrioteiros hespañoes. Este era o primeiro xesto nacionalista na viaxe, a primeira manifestazón política, e por forza tiña de infruir no resto da pelerinaxe. A final as xentes apraudiron con bágoas nos ollos o hino galego. Confeso que na miña vida asistín no meu país a un aito nazonalista de tan xurdia siñificazón, e de tanta trascendenza tendo en conta que escoitaron os discursos máis de cinco milleiros de persoas. A emprensa non lle adicou moita importanza e a mesma Nosa Terra (órgao dos galeguistas) apenas no seu número de 30 de xullo lle adicou unha reseña breve e incompreta.

O paito fica escrito en galego e foi redaitado por Bóveda. Cando saímos, todos afervoadamente impresoados, puxemos nas mans dos xornalistas unha nota comunicando o acordo, nota que foi transmitida no intre aos xornaes de Cataluña, Euzkadi, Galiza e Madrid. Por telégrafo comunicámoslle a nova ao presidente de Cataluña, Maciá.

 28 xullo

Que impresións leva esta xente do meu país? [...] No aspeito políteco pensan que o temos todo por faguer e que non imos por bó camiño, pois o galeguismo, asegún coidan, non procura o contaito co-as masas e a sua conquista, sinón que se pecha en castelos de marfín outamente categorizados pol-a inteleitualidade, pro afastado do terreo das loitas cotidiáns. Unánimemente os eispedizonarios vese que sinten fonda estima por Otero e certo respeito por Bóveda que lles díu a impresión de sere un bó organizador ainda que non o políteco que percisa a galeguidade; os bascos falan algunha vegada de Castelao con refrenza à sua amistade con Aguirre, e ningún se lembra de Risco que para min é o esprito máis rexo do nazonalismo.

30 xullo

Correspóndeme ire no auto do presidente das xuntas municipaes D. Lois de Arbeloa (Arbeloá Tár Koldobika); é un vellote rexo, de afervoado patriotismo, que foi amigo de Arana e compuxo no primeiro movimento dos restauradores. Leva sempre posta a esvásteca no ollo da solapa, fala o eusquera perfeitamente e loce uns cartóns de visita co-a bandeira nazonalista en cores. Fai corenta e un anos que milita no nazonalismo: dende os 13 da sua vida. Eran os tempos heroicos eguerreiros. Cativa este home pequeno, miúdo, que aperta os dentes ao falar de Castela, sempre infantil e xeneroso e soio enrabexado cando lle nomean a terra escravizadora; este homiño que semella pol-o feitío un coitado mercader pro que na sua ollada leva lumes de caudilaxe, e a quen todos reverenzan nun sagro e ancestral senso de xerarquía. Dime que no xuntoiro de Bilbao falan basco o corenta ou cincoenta por cento dos nazonalistas. Dime tamén que en Bilbao máis do oitenta por cento da poboazón é de raza basca e o cincoenta a sesenta da poboazón é sinaladamente nazonalista. Cóntame que o partido é oficialmente confesional, católico; que ten seus maores nemigos nos carlistas; que os que non son bascos non poden ter nele representazón de autoridade e que o sesenta a setenta por cento dos iscritos non chegan aos trinta anos.

Os mitins poden orgaizalos calesqueira agrupamentos, pro comunicándollo á xunta municipal, pois sin o seu consentimento ren se pode faguer. Esta xunta é a autoridade suprema na sua xurisdizón, e ollai que pra os bascos o conceito de autoridade mantense como en ningún país do mundo.

Dime que o núcreo máis forte do nazonalismo é o bairro das Sete Púas, e o bairro máis hespañolizado o de San   Francisco, onde moran todol-os maquetos (eistranxeiros).

Como nos batxokis que levamos comprimentado, ouséquiannos con doces e viños. Cántase a cotío. De súpeto, D. Lois -o San Marcos destes evanxéus- encomenza unha canzón que pon fogo en todol-os ollos. Ere aberri,laztarrá...! Cántana todos como si fosen a sere afusilados. Como se canta en eusquera eu non sei o que dí, mais teñoa impresión que os conmove hastra o cerne. Logo Don Lois fáime a traduzón:

"Miña coitada Pátrea
caíches baixo a ponta do eistranxeiro.
Fora millor a morte!
Das tuas montanas ascendían denantes
ledos ofrecimentos ao ceo;
agora co-a invasón
hastra o vento enchéuse de maldizóns.
Porqué non te morriches, miña Pátrea?"

Ollo por vez primeira na miña vida as antergas danzas desta raza úneca na terra. Primeiro o baile cos paus, logo un lider soavísimo, que ten cheiros de val de conto; logo unha danza de fitas moi semellante á dos nosos danzantes de Allariz e a final ese fondo poema racial que remata cando os seis bailadores collen ao xefe da coadrilla que se fai morto, e ofrécenno ao ceo ergueito nos seus brazos rexos como mastros, brilantes como a escuma das ondas, fúlxidos como o arrebol. Confeso que rompín a chorar como un neno. Emozón como esta non-a voltarei a gozar na miña vida.

Saímos pra Bermeo, por esta estrada xa históreca onde fai ben pouco tempo máis de dez mil cidadáns deteron ao automóvel en que viaxaba o presidente da Hespaña botándolle nos ouvidos, a puñadas, este argumento que lle dixo un vello pescantín:

-Vosa Eiscelenza está a ver que con escolta e sin escolta podíamos matalo. Sega en paz sen camiño. Mais vexa, e non esqueza endexamáis, como as xentes de Euzkadi maldicen da Hespaña e amostran sen desexo de liberdade.

E presidente e ministros continuaron calados e tiveron que zugar seu ridículo os policías forasteiros. Logo imos a Sukarrieta, aldeíña pequena, onde se gardan as cinsas de Sabino Arana. Na porta da capela, pequena como a dos nosos sagrados aldeáns, unha lousa sinxelísima dí en eusquera que eiquí repousa o restaurador. Fáise un longo silenzo arrepiante. O insiñe D. Lois de Arbeloa, con bágoas nos ollos, dí algo en lembranza do patricio. O diputado catalán da Ezquerra, Riera Punti fala, tamén na sua língoa, en honra e groria do morto inesquecibre. Por Galiza digo eu en galego unhas verbas, e son o primeiro conmovido.

Rexistro unha anéidota curiosa. Este cimeterio arrodeado de outa muradela, ten enriba da porta o fuste dunha cruz que foi crebada o 14 de abril. Cando saímos, baixo arcos de froles que entreteceron as fiandeiras, detéñome un intre con duas nenas e pergúntolles:

-E vos, sodes hespañolas? (Ollanme con rencor e receio, e dínme de súpeto):

-Non seor.

-¿Por qué? (A máis nena, sen vacilazóns, responde amostrando aporta):

-Porque os hespañoes son os que rompen as cruces.

I-eu vexo, no fondo da resposta, hastra a incompatibilidade relixiosa desta raza co-as xentes da Hespaña.

No álbum escrebo estas liñas:

"Euzkadi: pátrea irmán da miña; irmán na dor, na mágoa, na escravitude. Que cando volte a ti te encontre xa ceibe, soberán dos teus destiños, a camiñar leda e xurdia pol-os limpos roteiros da tua histórea que a Hespaña -bárbara- crebóu".

Conozo a Federico de Eugarriza, un rapaz de vintecatro anos que ficóu cego pol-o tiro dun monarqueco nas eleizóns do 12 de abril. Era dependente de comerzo e ao ficar inútel os patriotas xuntáronlle nunha semán 50.000 pesetas e delas vive. Veleiquí un pobo que sinte esa verba que ainda nós non comprendemos: solidaridade.

Xuntanza de Galeuzca no casal das Xuntas Municipaes, porque o E. B. B. está fechado pol-a policía dende onte. Unha xentileza máis do representante do Goberno hespañol. A xuntanza conversa dende a meia noite hastra as catro da mañán. 

31 xullo

Aparéz Otero Pedrayo que chega de Donostia. Qué ledicia! Era eu soio a representar aos nazonalistas galegos i-en verdade que as máis das veces, sentíndome sempre inferior à representazón, cheguéi a ter angurias de non podere soportar a responsabilidade. Por qué non están eiquí, e por qué non viñeron comigo na viaxe, Castelao e Suárez Picallo? Ainda hoxe non-o sei. Penso que o Partido Galeguista non se díu conta da trascendenza desta viaxe.

Arrodeados de xente imos à cárcel de Larriñaga a comprimentar aos presos nazonalistas. Hoxe, en comparanza con outros tempos, hai poucos detidos. Son:

Víctor Alonso-Artzuaga, de Bilbao, cumplindo.

Pío de Maidagan, de íd., íd.

Vieto de Santamaría-Esnaritzaga, de íd., íd.

Daniel de Lagardan, de íd., íd.

Esteban de Astoreka, de Bermeo, íd.

Domingo de Urkullu, de Barakaldo, íd.

Eusebio de Uranga, de Sopuerta, sujeto a proceso.

Leonardo de Agirebeitia, de Asua, íd.

Cándido de Azpitarte, de íd., íd.

José Castelao-Aldai, de íd., íd.

Tiburcio de Zárate, de Zamudio, íd.

Fernando de Orueta, de Usansolo, íd.

Valeriano de Amuritza, de íd., íd.

Pablo de Bernaola, de íd., íd.

Jesús de Altuna, de íd., íd.

Felipe de Yurebaso, de íd., íd.

Miguel de Garai, de íd., íd.

Sabín de Amuritza, de íd., íd.

Ioseba de Zenaruzabeitia, de Bedía, íd.

Pascual Alonso-Fullaondo (de A. N. V.), de Barakaldo, íd.

Balbino Soto (íd.), de íd., íd.

Juan de Berasategi (íd.), de íd., íd.

Teodoro de Etxebaria (íd.), de íd., íd.

Luis Vasquez-Matza (íd.), de íd., íd.

Pedro Gómez-Pérez (íd.), de íd., íd.

José de Ayarzaguena, de Bilbao, íd.

Sabín de Jauregi, de Kastrexana, íd.

Imos logo ao casal das Emakumes -que tamén se contan por milleiros e que son unha das forzas máis valentes do nazonalismo- e deiquí ao campo de San Mamede. Aparéz Otero Pedrayo que ven de xantar con Estelrich. No campo axúntanse máis de 30.000 persoas. Cando aparecemos nos na tribúa presidenzal estoupa unha ovezon que non ten fin. Panos no âr, goras, berros de loita. Eu teño nas mans a bandeira de Galeuzca entre as de San Jordi, Cataluña i-Euzkadi. O intre no que sae a bandeira basca -levada pol-o porteiro do Atletic-   e todos caen axoellados e o rapaz axíta-a sobre as cabezas dos atretas, é dunha emozón sin par. Aquelas trinta mil persoas reventan outra vez en goras que xa é tempo de que resoen na concenza e na sensibilidade da Europa nova. Pro alá van catorce anos do paito de Versalles!

1 agosto

As nove saio nun auto co-a Srta.Urcelay, Isusi e Rezola, meus tres millores amigos de Euzkadi, pra Donostia. Detémonos uns intres en Cestona e logo en Loyola onde, na verdade, soio me chaman a atenzón unhas lápidas de mármore  todas encheitas de letreiros bascos. ¿Supoñen unha craudicazón dos xesuitas diante o nazonalismo? ¿Siñifican un xesto de sinceridade da Compañía, eiquí, no seu país nadal, onde non ten que finxir sentimentos  nin dobregarse a eisixenzas estranas?... O resto non me intresa: nin capela, nin mosteiro, nin santa casa; ren. Ar xelado de todal-as mansións xesuítecas, riqueza valdeira de todo sentimento artísteco, e fumes de turismo beateiro nú de emozón relixiosa.

Lévanme ao Hotel Arana, encheito de maquetos bañistas. Logo nun café (esquecínme do nome) teño unha longa conversa con cataláns e bascos compañeiros de viaxe. Pergúntolles, agora xa un pouco lonxe, qué lembranzas trouxeron do meu país, coal é a lembranza que fica máis prendida neles. Veleiquí as respostas:

Pau Vila.- Galiza parecéume un pobo de chan riquísimo pro que non lle tira toda a sua ventaxe. Os homes tiveron que fuxir e as mulleres teñen de sustituilos afastándose das suas aitividás naturaes. Cando Galiza se goberne por sí teño a certeza de que a emigrazón evitaráse e as xentes poderán restituirse aos seus traballos propios, i-entón veráse qué rico pobo é.

Rezola.- O que máis me impresionóu foi a paisaxe e a orixinalidade e rexa persoalidade do seu pobo; a depresión políteca xeral e a espranza que esperta o galeguismo.

Dr. Xirona.- A torre da Berenguela e o empuxe esgrevio dos Ultreyas.

Pich.- A paisaxe, o caráiter dos galegos e o entusiasmo dos galeguistas. En oposizón: o hespañolismo incomprensibre de algúns galegos, a indifrenza da maoría diante o movimento galeguista, e a propensión ao caciquismo persoal.

Rosquellas.- Galiza está ben disposta pra recoller a semente nazonalista, entre outras razóns porque ainda o pobo conserva a sua língoa. O probrema fica en sementar ben.

Batista i Roca.- O que mais me impresionóu foi o elemento humán, o pobo: os labregos pol-as rúas de Compostela na diada nazonal. Seméllame que a muller é a forza máis rexa da sua raza. Percébese logo o esquecimento en que os gobernos da Hespaña tiveron ao seu país, hoxe probe, pro ainda encheito de mañíficas posibilidás que teñen de dare seu froito cando se restitúa a persoalidade nazonal. O intre está a chegar: pol-o renacimento xeral do celtismo no que Galiza é un episodio, pol-o rexurdimento das nazóns peninsuares hastra agora agrilloadas pol-a hexemonía de Castela, e porque a inteleitualidade está en pé de guerra e na intelixenza está sempre a certeza da vitoria.

Muñoz Castanyer.- Impresionóume o sentimento relixioso que aletexa en toda a vida galega, e tamén a eisquisita calidade dos inteleituaes, todos eles nas vanguardas do galeguismo. O pulo das mocedades e a orgaizazón de Ultreya.

Irujo.- As rías baixas. E o forte contraste entre a inteleitualidade, vinculada ao   nazonalismo -máis que en ningún outro movimento nazonalista da penínsua, e acaso como en calquera dos máis rexos do mundo- e a despreocupazón aparente da burguesía por estes probremas. É terra de contrastes, que se olla tamén entre a vida amabre da costa e aprobeza do interior.

Xulio R. de Oyaga.- A xuventude. Contando con ela e un pobo sin espranza, o pobo por forza ten de sere nazonalista.

Coñezo a D. Isaac L. Mendizábal, home de grande simpatía e dunha erudizón pouco vulgar. Percorréu casi todo o mundo e non coñece Galiza. Fálame con sabenza e moito tino de Rosalía, Curros e Brañas: Nunca ouvíu falar de Pondal.

Imos despóis ao casal de Acción Nacionalista, onde se recollen as ezquerdas do nazonalismo. Nótase axiña que Acción é moito máis probe que o Partido Nazonalista e non está tan ben orgaizada, mais na verdade teño de confesar que os seus afiliados son dun sentimento arredista que non desmeréz do das xentes do Partido. Convidannos tamén, xentilísimos. Conmove ollar con qué simpatía e sinxeleza conversan xentes das máis opostas crases sociaes. Falamos Ernandorena, Pau Vila, Pich, Batista i Roca e a final eu. Cada un na sua língoa e todos nunha ergueita arela de soberania. O púbrico estoupa en ovazóns cramorosas que semellan non ter fin. Estóu sorprendido. Eu coidaba a Donostia infruída pol-o imenso porcentaxe de estranxeiros que aviven e visitan, e vexo agora o empuxe da reaición nazonalista tan forte acaso como nas terras de Bizkaya. Fixen un dos discursos máis violentos da miña vida e a moitedume acompañóume nele apoiando miñas tesis apaixoadamente.

2 agosto

En longa ringleira de autos enfiamos as terras de Nabarra; Bizkaya e Guipúzkoa fican atrás. Qué impresións levo destos terras?

Que o nazonalismo e o carlismo conqueriron nelas à totalidade da poboazón indíxena, aquele cunha ventaxe do oitenta por cento sobre éste que hoxe ou, mañán será ausorbido pol-os patriotas. Inevitabremente. Que dentre os pobos con persoalidade dabondo pra sinalar unha rexa difrenzazón cos seus veciños, Euzkadi ocupa o primeiro logar, mais ten ensí dos nemigos considerabres: un a perda do idioma que, contra todo o que me falen, eu vin que apenas é praiticado fora de unha minoría pequenísima; outro que estas fondas difrenzazóns raciaes latexan na maor parte dos bascos como un sentimento pro non como un estado de concenza.

O Partido Nazonalista ten na sua ventaxe contar cunha orgaizazón perfeita como non terá semellanza no mundo. Esta orgaizazón -que abrangue a vellos, nenos, mulleres, obreiros, empregados, rentistas, etc.-, dalle forza económeca pra pór na práitica cantos proieitos queiran maxinar e supón unha continua movilizazón políteca, en control esaitísimo, que eu olléi confirmando esta afirmazón de Arbeloa que suscribo: si da noite pra amañán Euzkadi ficase ceibe, o partido en meia hora sustituiría todol-os órgaos de poder e adeministrazón de tal xeito que nosa vida estatal non se demoraría dez minutos. Asombróume o sistema outamente de eleizón dos direitivos e a autoridade destos, xa eleitos, que fica omnímoda, indiscutibre; eu vin que pra un nazonalista as decisións do presidente do Euzkadi Buru Batxar poden máis que as dun xefe de goberno.

Efeitivamente, como xa supuña, o nazonalismo (Partido e Acción) non dispoñen de núcreos inteleituaes; descontadas algunhas eisceizóns os inteleituás bascos ou lle son nemigos ou indifrentes, que é moito pior. Entroques conta co-as masas proletarias.

Teño pra mín que hoxe as cancilleirías seguen con máis intrés o desenrolo do nazonalismo basco, que os avances do catalanismo. Deixo estas terras con mágoa. O pobo, a ferver, agarda o intre de botarse na loita defiñitiva; a vitoria é cousa descontada, garantida. Mais non sei si os dirixentes terán pulo pra dispor o intre da pelexa; duvido que recelen e deixen perder esta ocasión que nunca lles voltará tan favorabre. Qué dór si toda esta paixón se perdera no xogo dunhas eleizóns a diputados!

Xa andamos pol-o amplo val de Ergoyena. No noso auto, a conversa técese en col do San Miguel de Aralar onde fai pouco se fixo unha xuntanza de máis de vinte milleiros de mendigoxales. Ascendemos às outuras de águia de Lizarraga. Alá enriba, no máis outo dun penedo, que me fai lembrar nosa Pena Corneira ribeirán, un fato de rapaces nabarros co-as bandeiras bicrucíferas bota no ar o ululo dun irrinchi que nos arrepía. Lembro as loitas carlistas. Acougamós. Presentazóns. Entre os catrocentos homes que están na nosa espera, aperto a man dun galego, o Dr. Bescansa.

Troca a paisaxe. Agora longas planuras, pó, ar abafante, cigoñas... un noi sei qué de Castela. Diante de nós vai un autobús encheito de mozos que cantan:


"Suene el irrinchi intrépido,

gora la bandera escotarra,

corra la sangre hispana

mientras dure la invasión.

Unámonos todos los vascos

y olvidemos nuestras penas

y rompamos las cadenas

del yugo franco-español. 

Unámonos sin cesar

que la victoria nuestra será.

Gora Euzkadi escatutá."

 

O nazonalismo eiquí, ten un certo ar de requetés. Remato de comprender a traxedia destas terras de Estella pol-a paisaxe casteláns e pol-o sentimento bascas, onde se mantén ainda o fogo das loitas carlistas, ande os monárquecos -hespañolistas- e os nazonalistas, ódianse con furor de séculos. O xesto dos patriotas eiquí ten un dramatismo que arrepía.

Eu estóu aboiado, xa nin sei qué pensar. Dunha parte síntome isolado, estrano, incompatibre con esta xeografía que repudio; da outra préndenme estas xentes que berran: contra a xeografía, contra a historia, contra calquera dereito ou obriga, pol-a nosa vountade de homes somos bascos e denantes estamos con Donostia que con Hespaña.

Saímos pra Pamplona. Pecho os ollos e procuro durmir pra non ollar esta paisaxe. Espértame no Carrascal un vento aloucado de mitoloxía que me pon medo nos hosos. A planura de Noaín; Irujo lembra a pelexa con estas verbas a final: e a pesar de Noaín, somos bascos.

En Pamplona un recibimento apoteóseco. As xentes fai duas horas que nos agardan. Entramos no batxoki baixo un túnel de espadas cruzadas que manteñen co-as suas mans de ferro os mozos arredistas. Discurso formidabre de Urmeneta que adica a sua millor ispirazón a nosa Rosalía, outro de Mireu de Suiza, unha rapaza que paréz feita con sangue de María Pita, e outro de Batista i Roca. A final falo eu en longa arenga guerreira.

3 agosto

Deixamos Nabarra, este grande drama histórico que ainda ninguén sabe como rematará. Levo na man o mapiña en cores que a deseña entre Araba, Bizkaya, Guipúzkoa, Laburdi, Benabare e Zuberoa; véxoa co-as suas cadéas no grande escudo da patria ensoñada; na profisión de fe destes créntes, parezme que foi ela que escribíu o Janú-Goikua eta Lagi-Zarra que é a primeira decrarazón deste grande credo étnico, mais con todo eu veño de ollar un país que atreveríame a xulgar anti-Euzkadi. É moita a coraxe dos nazonalistas, moita a forza do seu partido, moito o que pode a vountade dun pobo disposto a todo con tal de crebar as suas cadeas, moitas as ventaxes que reportaría aos nabarros a sua vinculazón ao país basco, mais eu dou por certo que Nabarra resolveráse nun arredismo pecho nos seus lindeiros aituás.

Xa corremos por Aragón. Coyos, pinchazos, paludismo, xeofísica, brasfemias, i-esa cantiga que chaman a jota e que non comprendín nunca. Jaca, Cillas... Revívese o movimento de Galán. Aquí estaban os cañóns, eiquí cairon os primeiros feridos, eiquí foron afusilados. 

En Huesca xantamos no Hotel San Lorenzo, i-eu vóume afeitar nunha barbería onde teñen cita todal-as moscas do mundo, onde ainda se fan trenzas pra mulleres con cabelos de mortas e ainda se locen frascos de almíbare con samisugas pra apoplétecos. Qué noxo!

Uns señoritos mais cursis que os repolos dín non sei qué das nosas falas e das bandeiras que levamos nos autos e logo, como si nos insoltasen, chámannos separatistas e botan a correr. Boeno.

Xa con noite chegamos a Almasellas, primeiro pobo catalán, onde nos agardan os veciños co-as autoridás e música. Os nenos das escolas cantan en roda de nós un alalá que lles ensinóu seu escolante:

"Meu amor, meu amoriño,

onde estás que non te vexo,

mórrome de soedades

e día e noite en ti penco."

Asegún me dí un cativo, este escolante escrébese co de Pontedeume e trócanse xornaes, canzóns, postaes, etc. Continuamos o noso camiño. Os cataláns, xa na sua terra, semella que renacen: falan máis, móstranse máis ledos.

Lléida dende logo -unha cidade fermosa, rica, boa, de xentes moi xentís- non me paréz terra moi catalanizada. Por calquera recanto, onde hai unha bandeira co-as barras, non falla endexamáis a tricolor; onde teñen un retrato de Maciá, dependuran outro dé Alcalá Zamora. A conllevancia. Nas tendas, cafés, etc., todol-os letreiros en castelán. Moi poucos falan en língoa catalán, e as xentes ríronse a encher cando Irujo lles falóu en eusquera. Qué máis? O tíduo ben siñificativo do Hotel España, e o discurso do Sr. Torres que, xira a cotío en col deste pensamento: "Euzkadi, Galiza, Cataluña y por encima de todo España”.

4 agosto

Os compañeiros de viaxe van ollar a Seu Vella da que gostan moito. A mín non me espertan hastra o intre da saída pra que poida repousar máis. Otero non parece, con Castelao ninguén conta i-é natural que ainda me agarden algúns traballos. Todos entenden que a miña resistenza vai finando.

Saímos pra Tarragona. Eu volto a fuxir sin sere visto e vou xantar a unha taberna na praza do concello, en procura dun tipismo que non encontro. Seguen os letreiros en castelán. Xuntámonos no café Europa, onde non se escoita verba en catalán. Os patriotas non calan a sua pesadume. Aparéz Bon, o caricaturista, na sua camioneta bohemia feita pra aboiar a parbos e novos ricos. Os xornaes dándonos benvindas.

Moito castelán e algúns murciáns e andaluces. Renart afástame destas angueiras e lévame ao balcón de Pilatos. Deus lle pague, meu bon amigo, a salvazón. Gozo unha das emozóns máis fortes da miña vida. Qué difrente esto do meu país, e con todo qué impresoante! O mar chan, relocinte como aceiro, casi quedo; cheiro de sal que se entra pol-os folgos. Na costa oliveiras, casas brancas, palmeiras... Estánse a ollar os barcos de Roma cos mercadores. Latinidade, esto que eu comprendín sempre e non sentira nunca. Imperio.

A chegada a Palestra é indescritibre. Agárdannos milleiros e milleiros de cidadáns, con bandeiras de todal-as orgaizazóns patriótecas, entoando Els Segadors. Representazóns da Xeneralidade e Concello saúdannos. Entre as comisións vexo un grupo de galegos co-a bandeira do noso país que mantén ergueita o irmán Lois Suárez. No casal de Palestra o mestre Pompeu Fabra dinos un discurso de benvida, e outro Armengol de Llano en nome do Concello. Respondémoslle Teodor Hernandorena e máis eu. Percebo cualquer incidente entre un fato de mozos -con certeza das xuventudes católicas- e Badía,   rexente dos Escamots. A moitedume obríganos a sair à xanela. Falamos Isusi, Hernandorena e máis eu que digounhas verbas violentísimas que o pobo acolle con ovazóns eleitrizantes. Este discurso promoverá incidentes graves dos que me ocuparéi. Fala logo, a pedido do púbrico, Maspóns i Anglasell o loitador nazonalista máis xurdio e ben querido dos patriotas. Teño nas miñas verbas unha lembranza pra os profesores Albert del Castillo e Calvet, da nosa Universidade, que tanto nos axudan no noso movimento. Falan tamén a Srta. Paz Cistiaga e Irujo por Basconia. Escrebimos unhas liñas no álbum da radio e tíranse máis fotos. Na rúa, ao decatarse o pobo da nosa saída, tribútannos novas ovazóns.

Todol-os xornaes adícannos verbas de comprimento afervoadamente fraternas. Rossend Llates, dí nun longo artigo en "Publicitat”: con Galiza i-Euzkadi xúntanos a coincidenza na doitriña... cataláns, bascos e galegos temos que darlle un senso auténtico à revoluzón.

A “Veu" diz: a liberdade de cada un será a garantía da liberdade de todos; o convivio das nazóns hispánicas nunha laboura coleitiva, darálle aos nosos pobos un ideal común e fixaraos nunha realidade xeográfica i-económica e tamén nunha concenza histórica e nunha irmandade espritoal.

Pau Vila fai un longo artigo en “Publicitat” documental, e apreséntanos a Otero, a Castelao e a mín con verbas cativantes. Dí que o feito de procurar reconquerir a prena persoalidade xunta agora a tres pobos que de lonxe se entendían e agora se poñen en conversa.

5 agosto

Chegóu de Madrid Otero Pedrayo, pro Castelao e Picallo non aparecen.

Concluindo

Enviamos a Vitoria o seguinte telegrama, que redaitan Estelrich e Muñoz Castañer:

“Reunidos solemnemente en banquete ofrecido por el Ayuntamiento de Barcelona a vascos, gallegos, valencianos y mallorquines, acordamos por unanimidad y a propuesta del Consejero de Cultura de la Generalitat de Catalunya, Sr. Gasol, saludar a la asamblea de Ayuntamientos vascos, haciendo votos triunfo ideales libertad, que el Estatuto vasco deberá iniciar reservando a los hermanos navarros posibilidad incorporarse en un próximo futuro gran familia vasca. Firman Esquerra Republicana de Catalunya, Lliga Catalana, Acció Catalana Republicana, Unió Democrática de Catalunya, Palestra, Centro de Actuación Valencianista, Acción Nacionalista Valenciana, Partido Galleguista, Vanguarda Nazonalista Galega, Acción Nacionalista Vasca y Partido Nacionalista Vasco”.

Eu estoupo de lediza, encheito dun outimismo que me fai tremer. Esto camiña; agora sí que vai de verdade. Gasol non é un neno e sabe que as suas verbas son unha defiñizón de compromiso pra a Ezquerra, que neste intre dispón dun ministro -Companys- en Madrí. O telegrama, por outra parte, é a primeira aituazón de Galeuzca que neste intre aparéz consagrada de feito pol-os partidos. Foi o propio Estelrich quen propuxo que siñasen os partidos e non seus representantes. Xa perdéu a Lliga seus medos e recelos? Louvado sexa Deus. 

Os representantes da emprensa eistranxeiros, eispecialmente os xornalistas ingreses e alemáns, andan surprendidos.

6 Agosto. Tarrasa

Compre faguer resaltar a traizón de todol-os partidos hespañoes que aitúan na nosa terra. Galiza, sin representazón no Goberno, encóntrase orfa de defensa; os partidos que un día xuntaron aos galegos republicáns, solo procuraron sua infruenza entre as vellas forzas polítecas doutrora. En troques de loitar contra os caciques andan a procuralos e atraelos. Soio unha revoluzón pode restituire ao pobo galego na sua persoalidade e na sua concenza. 

Vexan a Casares Quiroga que ao pouco tempo de formar parte do Goberno, co-a representazón de Galiza, bótase como todol-os máis no xogo dos partidos preocupado por atrair ao maor número posibre de caciques en troques de desfaguelos e aniquilalos. Repítolle: soio un feito revoluzonario pode liberdar aos pobos ibéricos ou pol-o menos darlles aquel mínemo de dereitos que deberon outer de maneira máis normal na repúbrica: leises propias e recoñocimento da sua persoalidade.

Eu non sei o que pasa dende o 14 de abril: Veño de ollar en Euzkadi como son encadeados rapaces por levar unha bandeira basca, e como as autoridás repubricáns esquecen o máis pequeno senso de respeito o dereito dos pobos. O resultado é pôr en pé de guerra ás mocedás nazonalistas que están na beira de non podere evitar gravísemos incidentes.

- E Cataluña? Cómo se encontra Cataluña?

- Madrid volta a sentirse forte e a pouco que poda fará que o voso Estatuto se volte a máis pequena eispresión da carta que as Cortes recoñoceron. Esta realidade ten de obligarvos a unha xuntanza patrióteca, outra vez, que defenda vosos dereitos contra posibres, ou máis ben probabres, ataques do reaizonarismo hespañol. 

- As dereitas hespañolas, sempre máis papistas que o papa, coidan que a encarnazón da Hespaña é o Estado de Felipe II. E acrárolles que pra este caso xulgo de dereitas dende o partido radical incrusive hastra os monárquecos máis eistremistas.

- O tratado co Uruguai poida sere pedra de discordia entre Cataluña e Galiza, precisamente agora que nace Galeuzca?

- Penso que Cataluña e Galiza tratando pol-a sua conta, dereitamente, non terán tropezos. Agora, si os nosos probremas teñen de sere tratados a través de Madrí, calquera deles pode ter soluzón difícil e trocarse en motivo de disputa.

7 agosto

Os compañeiros eispedizonarios continúan as suas visitas; Otero vai en nome dos galegos e fai unha confrenza no Ateneo en col de “Ainquietude galega”. Apreséntao Nicolau d 'Olwer.  Eisito mañífico.  Os bascos non asisten pois arestora teñen unha conversa co cardeal Vidal i Barraquer.

Eu  non quixen subir ao esceario desgostado pol-a aititude dos bascos. Entendo que no pé en que andamos, calquera xestión que se faga debe sere levada conxuntamente por todol-os asiñantes do paito de Compostela. De noitiña enteréime da confrenza dos bascos co seor cardeal, dun xantar que tiveron con Aiguadé e Gasol, dunha longa conversa con Cambó, e de outras entrevistas nas que coido que debéramos estar presentes os galegos. Otero pensa como eu e solidarízase co-a miña aititude. Pau Vila, Carrasco e Batista danme eispricazóns que non me convencen. Carrasco Formiguera decátase da gravedade do intre e lévanos a unha conversa cos bascos na Font del Lleó onde todo fica acrarado alá pol-as tres da mañán. Pasóu a troboada e Otero e máis eu démonos por satisfeitos. 

Pequéi de apaixoado, de lixeiro, de intransixente? É posibre, mais cheguéi a temer que Galiza fose unha vegada máis sagrificada nas suas arelas e que nós, despóis de tantos traballos e angurias, non estivésemos nesta viaxe a faguer outro papel que o de agrutinante entre o dereitismo dos bascos e o ezquerdismo da Xeneralidade; comparsas -pra falar en verdade- dos que se afastan cando esí convén. Descúlpeseme si penséi mal.

8 agosto

Imos dare os pésames á viuda de Rosell i Vilá, o malogrado diputado catalanista. Escea impresoante. A que foi santa esposa do loitador, probe, isolada, sen remedeo na vida, apertada a un pequeno que nos olla conmovido, aléntanos a continuar na pelexa pol-a liberdade das nosas patreas, ainda que caiamos como cae seu marido, mozo ainda, estragada a saúde nun traballo esgotador.

Otero e máis eu somos convidados a cear por Portela Valladares a quen topamos un pouco afastado das nosas preocupazóns. Sobremesa hastra as dúas da mañán, a falar de Galiza e da nosa políteca. Dende logo non aproba a táitica do Partido Galeguista e xulga inxustificabres e perigosísimas as transixenzas deste partido con Casares Quiroga. Mágoalle o estado do noso país e confésase desiludido. Entendo que non presta grande importanza á nosa viaxe. 

9 agosto

Irujo e máis eu somos convidados por Dencás a xantar na taberna de Joanet, na Barceloneta. Na verdade é atrainte este rapaz, xa conselleiro da Xeneralidade e un dos prestixios máis xurdios da Ezquerra; é o catalán demáis pulo loitador que conozo. Neste intre é o eixe dun grave probrema. Os elementos máis nazonalistas da Ezquerra (Aiguadé, Gasol, etc.) entenden que o catalanismo pra preveñir calquera continxenza debe orgaizar agrupamentos de resistenza e loita en condizóns de pôrse na rua si o perigo sobrevén; eis equí Estat Catalá -Escamots- cos seus dez milleiros de homes, rexidos por Dencás e Badía, que veñen a sere a mesma cousa. Os dous están condeados a morte pol-a FAI e calquera día poden sere asesinados; de sobrevir unha reaizón monárqueca, serían as primeiras vítimas.

O tempo darálle a razón a Dencás que, cos seus valentes loitadores éhoxe a única garantía verdadeira do Estatuto.

Logo, en Acció Catalana, confrenza con Nicolau d 'Olwer, Hurtado e Martí Esteve. Paréceme que están ausolutamente desourientados dos nosos probremas e todo se lles volta perguntas e máis perguntas, sempre con certo ar -moi xustificabre- de superioridade. Otero dilles da situazón do noso Estatuto e do galeguismo perante o Estatuto. Eispoño meus puntos de vista que a Otero, pol-o que paréz, non gostan moito.

Os rapaces de Palestra ofrécenme un xantar que remata en patreótecos discursos.

Otero, acaso por fadiga, fica no seu hotel i-eu véxome na necesidade de esgotar soio esta pelerinaxe de bairro en bairro e de discurso en discurso, entre milleiros de obreiros mozos que costitúen as falanxes de Estat Catalá. No casal das Cortes, coartel xeral dos Escamots, os discursos de Badía, Irujo, Gasol e o meu arrincan troboadas de paixóns.

Dos discursos, conmóvenme estas decrarazóns:

Irujo: -Non temos por que engañar a ninguén: somos separatistas e somos católicos, i-estamos dispostos a morrer por Deus e pol-a Patrea.

Dencás: -Somos aconfesionaes e procuramos o laicismo no Estado e a liberazón da irexa na vida púbrica de Cataluña. Mais porque somos nazonalistas, entendemos, respetamos e amparamos voso dereito a gobernarvos como millor vos pete e a orgaizar vosa vida dacordo co-as vosas crênzas e os vosos particulares intreses.

Os dous arrincan ovazóns inenarrabres. O casal é un verdadeiro coartel, con guarda permanente e discipriña militar. Cánto temos que adeprender nós!

10 agosto

Moi fadigado non podo acompañar aos meus amigos nas suas visitas. Ergome moi tarde. Chega de Madrí Castelao, no eispreso da mañán. Minutos denantes da unha estamos na casa de Cambó onde xantamos, convidados, Dotxandabarat, Irujo, Castelao e máis eu.

Cambó, a quen eu conocín na sua viaxe por Galiza con Puig i Cadafalch, Rahola, Morera i Galicia e Comas de Argemier, cando eiquí viñeron no nadal do 1917, está moi ben de saúde e faladeiro como nos seus millores tempos. Lémbranos a sua amistade cos galegos e compróbanos que foi Brañas, nunha conferenza dita na Universidade de Barcelona, quen o fixo pensar en Cataluña e o decidíu a enrolarse no catalanismo. O propio acontecéulle naquele intre a Prat de la Riva.

Falamos da política hespañola: dinos que o goberno Azaña non cairá hastra ter aprobados os novos presupostos, confírmanos as suas boas relazóns con Miguel Maura e confésanos a sua espranza de que no novo parlamento o grupo de autonomistas poda dispor de máis de un cento de diputados. Da por descontado o trunfo da Lliga en Cataluña e Baleares.

Falamos de Cataluña: xustifica a sua enemiga á Ezquerra, mais ao perguntarlle eu si, por vencela, colaboraría nun frente úneco de dereitas, respóndeme de súpeto: fora de Cataluña e por Cataluña, vostede ollarános xa sempre xuntos dende Maciá hastra o cardeal de Tarragona.

É pesimista con respeito a Galiza; coida que se perdéu terreo dende o dazoito e que todol-os seus traballos por nós foron inúteis, mais ao decirlle eu que, no fondo, todo o galeguismo aitual nútrese de Porteiro, Lousada e Viqueira, asambreia de Lugo e primeiro viaxe dos cataláns, sorrí satisfeito e orguloso como un neno. Dámoslle algunhas cifras que o asombran. Con respeito a Euzkadi ten medo que non se sepa aproveitar ben a reaizón patrióteca. Non se preocupa moito por Galeuzca. 

Falamos da Sociedade de Nazóns e dinos que Galiza debéu concurrir a ela a tempo que foi Cataluña pois entón, baixo a ditadura, estes probremas nosos conmovían a concenza da Europa,  i-eran tema de estudo pra todol-os estadistas. Agora a seizón das minorías non ten eficaza; non faremos ren, mais debemos acodir a Xinebra en setembro, siquera sexa pra ocupar posizóns pra o día de mañán.

Xuntanza logo no Ateneo dos dirixentes de Galeuzca: Batista, Maspóns, Estelrich. Dotxandabarat, Otero, Castelao, Carbonell, Isusi, Dr.Jirona, Carrasco Formiguera e máis eu. Debátese a nosa concurrenza a Xinebra. Eu espoño como úneca contra as nosas dificultás económecas: non encontraremos meio de cobrire a cuota sinalada pol-o consello. Castelao moléstase moito do que ele coida unha decrarazón e confesión pouco menos que de indixenza, mais eu prefiro espor a realidade, na sua crueza. Na miña teima conquiro que Estelrich e Maspóns se comprometan à recadar do Consello de Minorías a fixazón de cuota mínema.

Falamos da necesidade de conquerir pra Euzkadi e Galiza un decreto proteitor das nosas língoas: o que Irujo e máis eu xa tratáramos con Dencás e Gasol. Falamos tamén da necesidade de conquerir nos xornaes cataláns colaborazóns galegas e vascas. O Matí dende logo tense ofrecido a aceitalas.

Visita ao Centro Eiscursionista. Logo Castelao, Otero e Dotxandabarat vanse a falar ao Grupo Galeguista, outros van repousar, i-eu con Irujo vóume ao grupo Nosaltres Sols onde se fai un pequeno mitin no que falan tamén Daniel López, Josep Sariol, Cardona e Muntada. Unánemes e afervoadas referenzas ao meu eispediente académico, que reeollo conmovido.

O púbrico, non moito, é dun arredismo a proba de morte. Teño pra min que, neste intre, é o único arredismo verdadeiro que fica en Cataluña. O Estatuto infelizmente xa satisfixo a moitos e apagóu moitas arelas; na Galiza i-Euzkadi pasaría o mesmo ás vintecatro horas de conqueridas as autonomías. Dun ano a esta parte noto en Cataluña unha grande perda de catalanidade. Fica este reduito de Nosaltres Sols, probe, isolado, pequeno, co que non conta ningún dos partidos catalans en xogo; que apenas pode soster uns pequenos xornaes sin moita venda e apenas conquire uns centos de votos, pois unhas eleizóns costan moitos cartos i-estes bons patriotas -como nos- non teñen vinte pesos xuntos.

11 agosto

O Matí pubrica en nosa honra un fermoso e istraordinario no que aparéz esta cuartela miña orlando un bó retrato que me fixo o irmán Renart:

"La realitat, cada cop amb tons més dramátics, cada dia amb errades més difícilment reparables, ens diu que res no podem esperar de Madrid. Són unes Corts sordes als nostres clams, és un govern que   sent la incomprensible delectança d'obrar cada vegada més malament, són uns ministres orbs i sords en l'horitzó ibéric, els quais, com el Sr. Marcellí Domingo, arriben a negar l'existéncia del problema nacionalista de Galícia.

A Catalunya es mastega l'enuig; a Euzkadi, hem pogut observar, tots els expedicionaris del viatge triangular, un estat l'excitació tal, que no fóra estrany que derivés en fets sagnants de proporcions incalculables; en la meva pátria gallega, per a la qual malauradament no ha dictat encara la república ni una sola llei beneficiosa i sobre la qual van plovent els oblits, els menyspreus, les injúries i les injustícies de tota mena, el descontentament creix per moments i no tindria res d 'estrany que un dia desbordés pel camí d 'aquelles, per a tots inoblidables, revolucions agràries.

Aquest Pacte de Compostela, suposa, en l’esperança i en el perill, un mutu ajut, que tots haurem de necessitar. Aquells que tenen la gravíssima responsabilitat del poder haurien de veure si els és bo de solidaritzar-se amb aquesta premsa madrilenya que, de cop i volta, i sense elements de judici, ens llança el repte d'un separatisme que, com és natural, sent ella molt més en les entranyes, que no nosaltres

Eu espoño a ideia de orgaizar en Sant-Iago un casal das xuventudes patriótecas dos tres países que se xuntan en Galeuzca. Eiquí terían asento Mendigoxales, Palestra e Ultreya. Pagaríase a partes igoás e nele daríase acomodo ao secretariado de Galeuzca. Acéitase o proieito por unanimidade.

Dadas as seis xuntamos no Nouvelle Hotel aos xornalistas. Asisten algúns eistranxeiros. En nome da delegazón galega, espoño á emprensa o probrema galego, o estado en que fica noso Estatuto, a posizón dos nosos partidos con respecto a ele, a posibilidade de plebiscitalo, etc., informazón que recolleron moi ben todol-os xornaes.

A cada un dos xornalistas entregamos a seguirte nota oficiosa, en catalán, que redactaron Batista e Pau Vila:

"Dorosamente a aituazón de certos políticos semella afundir as nosas espranzas, e ollamos con mágoa como a Repúbrica, certamente por inerza, aparéz sin forzas pra se afastar defiñitivamente dos vellos roteiros de incomprensión das realidás nazonaes, pol-os que fracasóu fatalmente a Monarquía.

Pra todos son coñocidos os oustáculos con que topa Catalunya na apricazón da autonomía, xa ben cativa, do seu Estatuto. Os responsabres no goberno da Repúbrica negan ainda a realidade e a trascendenza do feito nazonal galego. E cando se cuidaban mortos co-a Monarquía os procedimentos de violenza contra o esprito nazonal -que diron en Catalunya resultados tan contraproducentes- ollamos magoados como estes procedimentos son empregados ainda pol-os servidores do Goberno contra os sentimentos patrióticos máis entrañabres do pobo basco. 

Nada da unha ideia máis viva da eisistenza e gravedade dos tres probremas nazonais de Galiza, Euzkadi e Catalunya, como o feito de que os aldraxes inferidos a un destes pobos xúlguenno recebido os outros hastra o punto de que tantas dilazóns, negazóns e persecuzóns ao atacarisoladamente a un, predispoña á solidaridade en ben de todos, pondo frente á insistenza dos intentos asimilistas nemigos do ben da Repúbrica.

Esta xuntanza de bascos, galegos e cataláns supón o inquérito de faguer revivir o verdadeiro esprito orixinario da Repúbrica e de fortalecelano respeito aos dereitos e ás persoalidás nazonais de Galiza, Euzkadi e Catalunya, que serán as pétreas bases nas que a Repúbrica asentará a sua permanenza; o oustáculo máis rexo a calquera intento de suversión e o orixen dun novo orden de relazóns entre os pobos peninsulares."

De noite, na Font del Lleó, xantar íntimo que nos ofrece D. Francisco Maciá. Correspóndeme xantar entre o presidente do Goberno Sr. Pi Sunyer e o conselleiro Sr. Ventura Gasol. Fálase de viaxes, de literatura, de arte...O Honorabre Sr. Presidente pregóunos, pol-o seu segredario, non falar de políteca. Despóis do xantar xuntámonos co presidente da Xeneralidade nun luxoso salón, a portas pechas, acordoado por forzas da policía. A conversa alóngase hastra despóis das tres da mañán.

12 agosto. Final

Otero vaise a Santander e Castelao e máis eu saímos pra Madrí no rápido das oito. Eu en terceira, i-en terceira chegaréi a Ribadavia con catro pesetas no bulso, morto de fadiga, estragado, máis co orgulo e a lediza de ter colaborado nunha das labouras que un día reportarán ao meu país os maores beneficios.

ALVARO DAS CASAS
A Cruña, 24 d'agosto do 1933.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Fascismo e Nacional-Socialismo a juizo de Risco

"Horrez gain, ni ez naiz faxista, nazional sozialista baizik" "Ademais, nom som fascista, som nacional-socialista" Jon M...