I
Eu caracterizaría ós homes do meu tempo preocupados polas cousas do
espírito, dicindo que eramos -e somos- os auténticos vencidos da vida
(...) insatisfeitos, non conformistas, decote rebeldes. Vencidos da vida
por inadaptados. (...)Efectivamente: introvertidos fomos ata non chegar
a nós o galeguismo.
II
Os inadaptados son por definición os insatisfeitos do mundo sensible, os
nemigos da realidade cotiá, os que procuran fuxir do medio que os
rodea. De aquí a concepción da arte como evasión.(...)
A nosa rebeldía consistía en segregármonos espiritualmente da sociedade,
desapegármonos das súas tendencias e dos seus problemas, isolármonos na
nosa alteirosa indiferencia dos seus afáns e trafegos, das loitas e
porfías e a comprírmo-lo noso rol sen ledicia e sen pena, e
principalmente sen interés ningún.
III
Non hai máis que ve-lo diferente significado que agora e entón ten e
tiña a verba nós. Cando un do meu tempo dicía nós, se non refería
endexamais ós da súa xeración, nin ós da súa clase; referíase decote a
un pequeno agrupamento identificado no pensar e no facer, a unha escola,
a unha capela, a un cenáculo (...)
X
Ora o problema é cómo sendo como eramos e como somos inadaptados,
antisociais, antigregarios, introvertidos, puidemos vir parar nunha
cousa que semella tan cotiá e gregaria, como é o nacionalismo galego que
na esencia é a afirmanza teimosa e forte da grei galega.
A resposta está dada, moito mellor do que eu puidera facelo, por Ramón Otero Pedrayo na súa novela Arredor de si.
Arredor de si, máis que unha novela, é a autobiografía non dun só home,
senón dun agrupamento, case dunha xeración. É a autobiografía do
cenáculo do autor ao que eu pertencín tamén. Polo seu por min confesado
egocentrismo, o noso agrupamento andou todo o tempo dando voltas arredor
de si –e cada un arredor de si mesmo– sen atoparse endexamais de todo.
(...) Despois de tantas voltas e revoltas, despois de tantas viravoltas e
trasvoltas polas lonxanías do espacio e do tempo, en procura de algo
inédito que nos salvara do habitual e vulgar, viñemos dar na
sorprendente descuberta de que Galiza, a nosa Terra, oculta ó noso ollar
por un espeso estrato de cultura allea, falsa e ruín, vulgar e
filistea, ofrecíanos un mundo tan esteso, tan novo, tan inédito, tan
descoñecido, como os que andabamos a procurar por aí adiante."
Vicente Risco, Nós, os inadaptados, revista Nós, nº 115, 1933
domingo, 1 de novembro de 2020
Nós, os inadaptados
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Fascismo e Nacional-Socialismo a juizo de Risco
"Horrez gain, ni ez naiz faxista, nazional sozialista baizik" "Ademais, nom som fascista, som nacional-socialista" Jon M...
-
"Horrez gain, ni ez naiz faxista, nazional sozialista baizik" "Ademais, nom som fascista, som nacional-socialista" Jon M...
-
Quando Patrick Pearse entrou na Liga Gaélica no 1903, está levava já fundada 10 anos e Perase foi testemunha dum impressionante renascimen...
-
Afonso I chamado polas fontes árabes Rei da Galécia (Adhfunsh, malik Jilliquiyya) 1º) O Suevorum Regnum / Gallaeciense Regnum / Chris...
Ningún comentario:
Publicar un comentario